ASOCIACION DE VECIÑOS

05 noviembre 2005





IMOS CAMIÑO DO LOCAL SOCIAL

O asociacionismo veciñal, cunha significativa diversidade interna, nace na década de 1970 enmarcado nos talantes comunitaristas, apostando pola difusión da cultura participativa na base social, e institucionalista, propoñendo a democracia participativa na aldea. Fomúlanse alternativas, tales como a reivindicación da mellora do transporte público, o transporte escolar e o arranxo das estradas de acceso ás aldeas. As asociacións veciñais son elementos de cohesión e de creación de identidade nos ámbitos territoriais, con capacidade para promover e integrar iniciativas sociais e espazos de participación democrática. Contribúen tamén a facilitar a coordinación e integración das persoas e colectivos nas entidades e nas parroquias.

A A. V. de Tarrío, integrada por todos os veciños deste núcleo, participa desta filosofía e caracterízase pola gran mobilización dos seus integrantes e pola contribución deinteresada destes nos diferentes proxectos que se propoñen, como, arestora, erguer un local social, que se está a facer grazas á extraordinaria resposta social. Cada sábado, os veciños xúntanse a colaborar na construción da que vai ser a futura casa do pobo. Para a mellor xestión os intereses da aldea e mais para a canalización das múltiples demandas en curso, é prioritaria a existencia dun espazo común onde se poidan realizar as frecuentes xuntanzas, e que tamén sirva de centro receptor de actividades socioculturais, formativas e deportivas.

A historia deste proxecto nace o 14 de marzo do ano 2005, cunha solicitude de subvención á Xunta de Galicia para construír o local social que arestora está e marcha sobre uns terreos do concello. Concedeuse unha axuda de 2.000 €, para un orzamento total estimado en 24.000 €, que non dá nin para a compra dos materiais da cimentación. En consecuencia, foi preciso contar coa man de obra gratuíta dos veciños voluntarios (moitos deles especialistas en albanelería, cantería e outras especialidades) e utilizar diversos recursos que nos permitisen, mediante doazóns, compras a baixo prezo ou recorendo a pagamentos aprazados, darlle forma a unha idea que, ademais, foi proxectada en varias fases para que non se convertese nun soño inalcanzable. Deste xeito, xa se pode desfrutar da sombra do futuro local levantado con dez veces menos fondos do que sería preceptivo a prezos de mercado, nomeadamente grazas á vontade colectiva.


A foto anexa, colocando os fundamentos do futuro centro social, simbolizan a forza dunha pequena colectividade unida que vai acadando uns logros que serían inalcanzables de xeito individual. Esta é a actitude normal en Tarrío que, pouco e pouco, van coñecendo os que nos reciben en despachos con moqueta. Os veciños agrupados están a funcionar mediante unha democracia directa da maior calidade, baseada na participación cidadá, na procura do interese xeral para conseguir un incremento dos dereitos dos conveciños, como os dereitos ao benestar, á calidade de vida, a vivir en paz, a gozar de servizos públicos eficientes e de calidade, á protección do medio ambiente e a dispor dun sistema de organización colectiva que favoreza a igualdade e a cohesión social.
(Clic para agrandar as fotos)