ASOCIACION DE VECIÑOS

14 noviembre 2004





TARRÍO NON TEN TRANSPORTE PÚBLICO
Dende hai tempo, os veciños de Tarrío vímoslles pedindo ás distintas administracións o que dende elas se debería defender de seu: servizo de transporte público para a nosa aldea. A cousa tenvos o seu aquel, pois haivos un autobús que remata ruta a escasos mil cincocentos metros do núcleo, onde fai tempo cada hora ata a seguinte saída nun cruzamento moi perigoso, nomeadamente para os condutores que saen de Tarrío, xa que lles tapa totalmente a visibilidade na saída. Que non pase nada!, pois o riso é moi alto. Todos os residentes contamos co apoio do Concello, con boas palabras da Xunta de Galicia e mais co soporte da prensa e do resto dos cidadáns limítrofes, pero a pesar de todos os "esforzos", continuamos incomunicados no tocante ao transporte, ao que tamén contribúen as estradas da aldea, que están nun estato intransitable. Xa se fixeron varios proxectos de mellora das vías da localidade -agora parece que quere ir o definitivo-, pero ata hoxe só temos P-R-O-X-E-C-T-O-S, como se pode comprobar a través das fotos adxuntas. Quen sabe, poida que un día teñamos as vías noviñas do trinque só para que pasen os de fóra e o transporte público siga agardando ás portas da aldea coa desculpa de que non lle é rendible ampliar a ruta.
Non obstante, que ninguén esqueza que Tarrío EXISTE e conta con xente, que mesmo ignorada polas administracións, está viva e desfruta cada día. Nacen meniños, cousa xa difícil na nosa terra, axudando a que o concello de Ames sexa presente coa maior taxa de natalidade de Galicia. Facemos festas, magostos, sardiñadas e a diario xente doutras aldeas veciñas pasea e desfruta connosco e coas nosas verdes brañas, tan relaxantes como se pode ver nas instantáneas adxuntas.
O 4 de decembro do ano 2003 marca un fito na nosa veciñanza, porque ese día redactouse a acta fundacional da nosa asociación e no mes de marzo do ano 2004 quedou inscrita como Asociación de Veciños TRAS DO RÍO no rexistro provincial de asociacións desta Comunidade Autónoma. Este trámite ratificaba, primeiro o noso espírito asociacionista, logo convertía a asociacion nun órgano de comunicación para facilitar e unificar as relacións dos veciños da aldea coas distintas administracións, e agora, mesmo para chegar a esta ventá e que ti, lector, saibas que existimos, que TARRÍO EXISTE. Ben seguro que non te resistirás moito en vir facernos unha visita. Non si?