ASOCIACION DE VECIÑOS

13 noviembre 2005



O CAMIÑO XA NON É TAN LONGO

Onte, sábado, os veciños botaron os fundamentos e ergueron as primeiras catro columnas do que vai ser a futura Casa do Pobo. É unha manifestación popular, un importante evento para a aldea de Tarrío, mais, sobre todo, xorde como consecuencia dun gran esforzo colectivo, como resultado dunha decisión da propia comunidade, na que están implicadas dun ou doutro xeito todas as familias desta pequena poboación de Amaía. Distribuídos en comisións de traballo por especialidades, os veciños planifican, proxectan -coa supervisión dos técnicos do Concello de Ames-, buscan fondos e xestionan os recursos existentes. Ademais, seguen pautas similares ás dun proxecto de acción comunitaria que ten, entre os seus obxectivos de fondo, a participación integradora dos
lugareiros, "potenciando a imaxinación e a creatividade, os valores contrarios ao individualismo e ao consumismo, creando nexos, memoria histórica e evitando o desarraigamento dos veciños". Esta forza social xorde para dar resposta ás necesidades concretas dunha poboación e coa vontade decidida de dipor, no menor tempo posible, dun local para as xuntanzas que tamén poida servir de vestiario deportivo, tanto da Asociación de Veciños Tras do Río como de todos os habitantes que se queiran servir del. Vendo as fotos dos conveciños traballando con ilusión nesta última obra, non queda dúbida de que con ela se lle está a dar un forte pulo á acción colectiva a través dos cada vez máis xenerosos esforzos individuais. Para facer os alicerces do local social o noso Concello investiu 1.300 € no formigón, que fai, dese xeito, mais levadeiro o proxecto. (Clic para agrandar as fotos)