ASOCIACION DE VECIÑOS

18 septiembre 2006



LUZ VERDE A TRAVESÍA DE TARRIO

A nosa aldea de Tarrío terá travesía na primeira metade do ano 2007. O día 15 de setembro do ano 2006 o Diario Oficial de Galicia e máis o Boletín Oficial da Provincia publicaron a apertura do prazo para presentar ofertas de cara a executar as obras de construción da Travesía de Tarrío, en Bugallido. É algo menos dun quilómetro de percorrido no que se van soterrar canalizacións, preparar beirarrúas e substituir o firme por un importe superior ao medio millón de euros.
A obra incluiuse dentro da anualidade 2005 do plan de investimentos locais da Deputación da Coruña. Atendendo aos prazos que marcan os pregos do concurso, a travesía estará lista no primeiro semestre do ano que vén. O Plan de Infraestruturas Locais (P.I.L.), deseñado polo Deputación provincial só subvenciona infraestruturas naqueles concellos cunha poboación inferior aos 50.000 habitantes. Neste sentido, a Ames concedéronselle axudas por un importe de 500.000 euros. A corporación actual gobernada polo PSOE e o BNG tendo como presidente o alcalde Carlos Fernández Castro aprobou a finais do ano pasado incluír nesta convocatoria extraordinaria de subvencións tres obras por valor de 636.000 euros. A primeira delas é a da construción da travesía de Tarrío, na parroquia de Bugallido. Neste lugar farase un novo vial máis ancho e dotado de beirarrúas. De feito, a travesía terá oito metros de ancho e uns 700 de longo. Porén, non só se cambiará o pavimento e se construirán beirarrúas, senón que tamén se aproveitará a obra para soterrar o tendido do alumeado público e telefónico, a auga e o saneamento, ademais de deixar canalizacións con guías por se cómpre empregalas no futuro para pasar por elas novas liñas de comunicación. A dita travesía permitirá conectar a aldea de Tarrio co resto da rede de estradas do Concello de Ames

O vial está orzamentado en 556.694,53 €. Despois de reiteradas peticións dos veciños polo abandono da nosa aldea, xa houbo unhas promesas na lexislatura anterior que, despois de moitas e boas verbas do anterior alcalde, non chegaron a executarse. Os actuais gobernantes cumpriron coa nosa aldea de Tarrio. Agora esperamos se cumpran as promesas da Dirección Xeral de Transportes e do mesmo Concello e fagan que a empresa concesionaria de transporte público dé servizo de autobús á aldea. É unha loita na que levan os veciños, e algún veciño mais en concreto, mais de cinco anos. Esperamos que a actual corporación municipal e actual Consellería da Xunta cumpran as promesas que deron a vecindade. Sabemos do interese do Concello por manter o equilibrio territorial entre as parroquias do municipio, o cal é de agradecer aos nosos gobernantes. A corporación municipal tamén está a facer esforzos para levar adiante os traballos relacionados co abastecemento de auga e a estensión da rede de saneamento con cargo ao POS, mentres que o PIL sufragará obras do mesmo tipo en Biduído e Bugallido así como a travesía para Tarrío.

As empresas que estean interesadas en levar adiante os traballos da Travesía de TARRIO, terán que achegar as súas propostas no Concello antes do 11 de outubro ás dúas da tarde.
Unha vez que a mesa de contratación resolva a adxudicación, a empresa que se faga co concurso terá seis meses de prazo para executar o encargo. Ese é o máximo establecido nos pregos, un tempo que seguramente se verá reducido de forma importante nas propostas que achegue cada empresa. Este feito fai supoñer que a Travesía estea rematada aló polo mes de abril de 2007.
Os interesados en coñecer o prego de clásulas administrativas nas que constan as bases do arranxamento poden coñecelas na páxina web do Concello ou a traverso do seguinte enlace:
http://www.concellodeames.org/imxd/noticias/doc/1158315416prego_tarrio.pdf

Dende a Asociación de Veciños "Tras do Rio" damos os parabéns a todos os veciños e tamén as grazas a Corporación municipal presidida polo Alcalde Carlos Fernández polas atencións que sempre tivo con esta Asociación de Veciños.