REUNIÓN DOS REPRESENTANTES da A. V. Tras do Río co alcalde do Concello de Ames o día 13 de xaneiro de 2006
Varios representantes do lugar de Tarrío mantiveron unha reunión co rexedor municipal para falaren de varios aspectos tocante aos investimentos municipais para a aldea, tradicionalmente esquecida nos repartos de fondos públicos. Primeiramente, o alcalde informou do Plan de Investimentos Locais que lle afecta a Tarrío, onde se inclúe un investimento en obras e servizos cun orzamento de 507.610 € achegados pola Deputación Provincial e unha contribución do Concello de 49.083 €, o que dá un total de 556.693 € destinados a executar o proxecto técnico da obra denominada Travesía de Tarrío, da que se espera a súa rápida execución.
En segundo lugar, o presidente da corporación municipal ofreceu datos sobre a situación actual das negociacións coa empresa Autobuses de Calo co fin de poñer en funcionamento o tan necesario servizo público de autobús para o núcleo. Esta demanda, que tamén implica á Xunta de Galicia por ser competente na materia, motivou diversas concentracións e propostas do colectivo veciñal, co silencio como única resposta oficial ata agora. Varios representantes das Administracións e da empresa concesionaria, convencidos da imperiosa necesidade de transporte e despois de percorrer os diversos traxectos posibles, concluíron que a ruta idónea pasa por prolongar a que remata na aldea estremeira de Raíces, atravesando a ponte que salva a vía férrea por ese lugar para chegar a Tarrío. Logo, prevese que a liña percorra a travesía deste núcleo ata abandonalo pola outra ponte viaduto que leva a Biduído de Abaixo.
Os veciños consideran que estes dous proxectos, ampliación da travesía e servizo de autobús, son de absoluta urxencia para acompasar o desenvolvemento de Tarrío ao dos demais núcleos habitados limítrofes do mesmo concello, que non padecen as eivas derivadas dunhas carencias estruturais tan básicas como de obrigada solución co fin de acadar unha mellora da calidade de vida das aldeas periurbanas da nosa xeografía.