ASOCIACION DE VECIÑOS

12 enero 2006




As funcións sociais básicas do municipio teñen que ser: a) provisión de bens e servizos públicos locais con incidencia directa na calidade de vida cidadá; b) ordenar a convivencia no territorio a través do urbanismo, así como establecer pautas racionais para a defensa e protección do medio ambiente; c) impulsar e desenvolver programacións estratéxicas que axuden ao crecemento económico e ao emprego, fortalecendo a súa vez a colaboración institucional; d) levar a cabo actividades permanentes de educación política democrática.
Para facilitar o desenvolvemento destas funcións, os veciños do lugar de Tarrío, que en 2005 comezaron a construción dun centro social, solicitaron do Concello de Ames unha axuda económica en forma de subvención para os materiais -o mais custoso é o traballo e póñeno os asociados-, co fin de rematar as obras do citado local, e dese xeito fomentar a mellora da calidade de vida na aldea. O fin desta obra é posuír un centro de reunión, punto de encontro para favorecer o asociacionismo no núcleo, onde se poidan expoñer as diversas opinións e inquedanzas, gardar o equipamento deportivo e desenvolver outras actividades contempladas nos estatutos da Asociación de Veciños Tras do Río. Por estes motivos, o financiamento municipal é un asunto determinante, dado que a asociación non ten ánimo de lucro e carece de fondos propios, máis alá dos que achegan os propios socios en concepto de cotas e donativos.