ASOCIACION DE VECIÑOS

22 noviembre 2005


TRES XERACIÓNS E UN PROXECTO COMÚN


Isto vai para adiante. Ninguén cría que o local social, a futura casa do pobo, centro de reunión da Asociación Tras do Río e do resto dos veciños, se consolidaría. Cos esforzos da colectividade, cadaquén segundo as súas posibilidades, a obra vai indo para arriba. Pasado o tempo, poida que o sacrificio prolongado dos esforzados obre o milagre: que desde este centro se potencie a cooperación e sexa o centro de reunión de todos, tamén dos menos implicados no proxecto. Para os veciños, a importancia desta construción vai máis alá do futuro edificio proxectado, xa que redunda sobre todo en fomento da solidariedade e da cooperación entre os de Tarrío: quen pode quedar parado ante unha colectividade compartindo inquietudes e compromisos, unindo e concentrando esforzos, ilusións e alegrías? Como se pode ver nas fotos, ata as xeracións máis novas amosan espírito cooperativista, axudando os 'avós' a facer masa. Todo un exemplo de iniciativa solidaria, fronte á falta de iniciativa de determinadas administracións públicas, que miran para outro lado ante iniciativas coma esta.

16 noviembre 2005



EXPEDIENTE DE TRANSPORTE PÚBLICO PARA TARRÍO

Concello de Ames:


8 de outubro de 2001, núm. de rexistro de entrada 4531/1: escrito, acompañado de 81 sinaturas, dos veciños de Tarrío no que se solicita transporte público para a aldea.

24 de outubro de 2001: reunión dos veciños de Tarrío co alcalde de Ames e escrito de peticións, incluído o transporte. Informe positivo da Alcaldía que vai dirixir á Dirección Xeral de Transportes.

Dirección Xeral de Transportes:

30 de novembro de 2001: escrito dos veciños de Tarrío no que se solicita transporte público, acompañado da documentación presentada no Concello.

Concello de Ames:

26 de novembro de 2001, núm. de rexistro de saída 5392: escrito do Concello aos veciños no que notifica o envío do escrito co informe favorable do Concello á Dirección Xeral de Transportes.

28 de novembro de 2001, núm. de rexistro de saída 5385: escrito do Concello á Dirección Xeral de Transportes co informe favorable anterior, no que tamén se xunta escrito da empresa Hedegasa S. L. (descoñécese o seu contido).

Dirección Xeral de Transportes:

14 de xullo de 2003, núm. de rexistro de entrada 7502: escrito dos veciños de Tarrío no que se lle lembra á Dirección Xeral que non contestou nin solucionou o problema do transporte público a Tarrío.

4 de xuño de 2004: escrito da A. V. Tras do Río ao conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no que se manifesta a inoperancia da Dirección Xeral por non contestar aos escritos presentados e no que se solicita transporte público para a aldea de Tarrío.

9 de novembro de 2004: escrito da A. V. Tras do Río recordatorio de toda a documentación presentada no que se solicita transporte público para a aldea de Tarrío.

Concello de Ames:

17 de novembro de 2004, núm. de rexistro de saída 9620: escrito do Concello de Ames á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, co informe favorable do Concello, salientando o estacionamento perigoso actual do autobús e lembrándolle a esa Dirección Xeral as peticións dos veciños acerca do transporte público para a aldea de Tarrío.

Subdirección Xeral de Transportes:

22 de novembro de 2004, núm. de rexistro de saída 35626: escrito da Subdirección de Ordenación do Transporte á A. V. Tras do Río no que se solicita concreción da demanda potencial de usuarios, abonos mensuais estimados e outros extremos de imposible cumprimento.
7 de decembro de 2004: contestación da A. V. Tras do Río ao escrito anterior coa concreción que solicitaba á Subdirección Xeral. Este escrito non tivo resposta da Xunta.
22 de outubro de 2005: escrito da A. V Tras do Río ao director xeral de Transportes, acompañado de toda a documentación presentada ata ese momento en todas as administracións, coa pretensión de que se consideren as carencias da aldea no tocante á ausencia de transporte público.
28 de outubro de 2005: reunión da A. V. Tras do Río co subdirector xeral de Ordenación do Transporte, para coñecer os trámites realizados por esta unidade administrativa para solucionar o problema do transporte para na aldea de Tarrío. O subdirector comprometeuse a dar unha solución por escrito ás demandas dos veciños antes do 15 de novembro, cousa que non cumpriu.
2 de novembro de 2005: escritos á conselleira de Política Territorial e Obras Públicas e mais ao director xeral de Transportes da mesma consellería nos que se solicita que axilicen todo o posible as xestións para que a empresa concesionaria do transporte público a Firmistáns prolongue a súa derradeira parada e dea servizo público aTarrío.
15 de novembro de 2005: conversa telefónica con membros da Dirección Xeral de Transportes na que se anuncia que o día 17 de novembro se celebrará unha reunión entre o director xeral e o alcalde de Ames para tratar de solucionar as demandas de transporte público para Tarrío. Nesta mesma data presentouse no concello, para o seu coñecemento, o expediente da A. V. Tras do Río con todos os trámites realizados sobre este asunto.
24 de novembro de 2005: TARRÍO CONTINÚA SEN TRANSPORTE PÚBLICO.

13 noviembre 2005



O CAMIÑO XA NON É TAN LONGO

Onte, sábado, os veciños botaron os fundamentos e ergueron as primeiras catro columnas do que vai ser a futura Casa do Pobo. É unha manifestación popular, un importante evento para a aldea de Tarrío, mais, sobre todo, xorde como consecuencia dun gran esforzo colectivo, como resultado dunha decisión da propia comunidade, na que están implicadas dun ou doutro xeito todas as familias desta pequena poboación de Amaía. Distribuídos en comisións de traballo por especialidades, os veciños planifican, proxectan -coa supervisión dos técnicos do Concello de Ames-, buscan fondos e xestionan os recursos existentes. Ademais, seguen pautas similares ás dun proxecto de acción comunitaria que ten, entre os seus obxectivos de fondo, a participación integradora dos
lugareiros, "potenciando a imaxinación e a creatividade, os valores contrarios ao individualismo e ao consumismo, creando nexos, memoria histórica e evitando o desarraigamento dos veciños". Esta forza social xorde para dar resposta ás necesidades concretas dunha poboación e coa vontade decidida de dipor, no menor tempo posible, dun local para as xuntanzas que tamén poida servir de vestiario deportivo, tanto da Asociación de Veciños Tras do Río como de todos os habitantes que se queiran servir del. Vendo as fotos dos conveciños traballando con ilusión nesta última obra, non queda dúbida de que con ela se lle está a dar un forte pulo á acción colectiva a través dos cada vez máis xenerosos esforzos individuais. Para facer os alicerces do local social o noso Concello investiu 1.300 € no formigón, que fai, dese xeito, mais levadeiro o proxecto. (Clic para agrandar as fotos)

05 noviembre 2005





IMOS CAMIÑO DO LOCAL SOCIAL

O asociacionismo veciñal, cunha significativa diversidade interna, nace na década de 1970 enmarcado nos talantes comunitaristas, apostando pola difusión da cultura participativa na base social, e institucionalista, propoñendo a democracia participativa na aldea. Fomúlanse alternativas, tales como a reivindicación da mellora do transporte público, o transporte escolar e o arranxo das estradas de acceso ás aldeas. As asociacións veciñais son elementos de cohesión e de creación de identidade nos ámbitos territoriais, con capacidade para promover e integrar iniciativas sociais e espazos de participación democrática. Contribúen tamén a facilitar a coordinación e integración das persoas e colectivos nas entidades e nas parroquias.

A A. V. de Tarrío, integrada por todos os veciños deste núcleo, participa desta filosofía e caracterízase pola gran mobilización dos seus integrantes e pola contribución deinteresada destes nos diferentes proxectos que se propoñen, como, arestora, erguer un local social, que se está a facer grazas á extraordinaria resposta social. Cada sábado, os veciños xúntanse a colaborar na construción da que vai ser a futura casa do pobo. Para a mellor xestión os intereses da aldea e mais para a canalización das múltiples demandas en curso, é prioritaria a existencia dun espazo común onde se poidan realizar as frecuentes xuntanzas, e que tamén sirva de centro receptor de actividades socioculturais, formativas e deportivas.

A historia deste proxecto nace o 14 de marzo do ano 2005, cunha solicitude de subvención á Xunta de Galicia para construír o local social que arestora está e marcha sobre uns terreos do concello. Concedeuse unha axuda de 2.000 €, para un orzamento total estimado en 24.000 €, que non dá nin para a compra dos materiais da cimentación. En consecuencia, foi preciso contar coa man de obra gratuíta dos veciños voluntarios (moitos deles especialistas en albanelería, cantería e outras especialidades) e utilizar diversos recursos que nos permitisen, mediante doazóns, compras a baixo prezo ou recorendo a pagamentos aprazados, darlle forma a unha idea que, ademais, foi proxectada en varias fases para que non se convertese nun soño inalcanzable. Deste xeito, xa se pode desfrutar da sombra do futuro local levantado con dez veces menos fondos do que sería preceptivo a prezos de mercado, nomeadamente grazas á vontade colectiva.


A foto anexa, colocando os fundamentos do futuro centro social, simbolizan a forza dunha pequena colectividade unida que vai acadando uns logros que serían inalcanzables de xeito individual. Esta é a actitude normal en Tarrío que, pouco e pouco, van coñecendo os que nos reciben en despachos con moqueta. Os veciños agrupados están a funcionar mediante unha democracia directa da maior calidade, baseada na participación cidadá, na procura do interese xeral para conseguir un incremento dos dereitos dos conveciños, como os dereitos ao benestar, á calidade de vida, a vivir en paz, a gozar de servizos públicos eficientes e de calidade, á protección do medio ambiente e a dispor dun sistema de organización colectiva que favoreza a igualdade e a cohesión social.
(Clic para agrandar as fotos)