ASOCIACION DE VECIÑOS

29 enero 2007

SERVIZO DE LIMPEZA PARA AS ALDEAS.-

Dende que se presentou, a mediados deste mes de xaneiro, o novo servizo de limpieza viaria do Concello de Ames, que atenderá fundamentalmente os núcleos de Millaodiro, Bertamiráns e as urbanizacións de Aldea Nova e As Mimosas, estáse a notar nas aldeas as ditas vantaxes. O equipo de traballadores do concello que facía a limpeza dos núcleos urbáns indicados, pasou a atender a limpeza do rural. Algo moi importante pois os núcleos rurais parecían os convidados de pedra, soio se facía a recollida de lixo, e unha ou duas veces o ano pasaba a máquina desbrozadora a facer limpeza de cunetas. A semán pasada estivo na aldea o Servizo de Limpeza rural que limpou tódalas rúas dá aldea, perfilando os arredores das leiras e facilitando dese xeito un millor uso dás rúas pola veciñanza. É de agradecer ó Alcalde e na súa delegación o concelleiro Delegado, responsable de Servizos Básicos, Parques e Xardíns, que una vez que se lle solicitou a actuación, elixise a nosa aldea entre as primeiras do concello para levar a cabo a limpeza da mesma.
Os veciños da nosa aldea tamén deben coñecer que funciona xa a pleno rendemento o Punto Limpo do Milladoiro que abriu as súas portas a semán pasada. No mesmo podemos deixar todo tipo de resíduos domésticos. aceites, colchóns, fluorescentes, e sobre todo, material electrónico e informático. Este centro estará aberto de luns a sábado para que a xente deposite todo o que non pode nin debe botarse nos colectores convencionais do lixo. O Punto Limpo está situado no núm. 30-C da rúa das Hedras do Parque Empresarial Novo Milladoiro. Estará aberto 39 horas semanais en xornada de mañán e tarde entre o luns e o sábado. Os horarios establecidos serán de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00. Os sábados de 9'00 a 14'00 e de 16'00 a 20'00. Con este punto de recollida o concelleiro de Servicios Básicos confía en que a partir de agora "desaparezan estas prácticas que non son xustificables en ningún caso", xa que ademais do Punto Limpo, tamén existe un servizo de recollida de voluminosos que o veciño pode aproveitar chamando ao tfno. 981191240 e tamén o móvil 639107638.
Dende a Asociación de Veciños Tras do Río avaliamos o esforzo que se está levando a cabo para manter limpo o concello e dende logo apoiamos o concelleiro no senso de "actuacións sancionadoras contra quen ataca ao ambiente cos vertidos incontrolados". O Punto Limpo é de uso exclusivo para os particulares empadroados.
Lémbramoslle o concello a necesidade de siñalizar o dito local, pois non hai unha indicación para que os veciños do concello saiban polo distintivo ou logotipo axeitado a súa ubicación.
A NOSA ALDEA BENEFICIARIA DE OUTRA SUBVENCIÓN MUNICIPAL.-

A xunta de goberno aprobou as subvencións para a promoción de actividades culturais cunha contía total de SETENTA E CINCO MIL EUROS (75.000 €). A nosa aldea beneficiuse para apoiar a dotación de infraestructuras e equipamentos, dunha contía de 2.608 € . Os cartos xa están ingresados na conta dá Asociación con data 23 de xaneiro. Agora o primeiro é pagar as débedas de material os proveedores, e logo co sobrante e contando ca implicación de tódolos veciños, hai que seguir ca execución dás obras facendo o investimento sobrante nos equipamentos mais necesarios.

É importante dar a coñecer, que as Asociacións beneficiarias de subvencións, están obrigadas a someterse as intervencións que a comisión de goberno considere, co fin de comprobar, que o dito investimento cumpre cos fins para os que se concedeu.

24 enero 2007

PROXECTO DA "TRAVESÍA DE TARRIO"
Para coñecemento dá veciñanza da aldea de Tarrio, e ter dese xeito unha idea da inversión que vai executar o Concello na nosa aldea, faise unha sintesis dá memoria do proxecto a realizar.
Por petición do Concello de AMES, e para presentar ante a Diputación Provincial de A Coruña, ó obxecto de solicitar a inclusión dá dita Travesía de TARRIO no P.I.L.2005 (Plan de Investimentos Locais), o estudo Técnico Galego S.A. fixo o proxecto que se describe:
DESCRIPCION DÁS OBRAS E XUSTIFICACIÓN DÁ SOLUCIÓN ADOPTADA.-
O proxecto contempla unha travesía no lugar de Tarrio na que se prevé:
-Contrucción de 2.325 m2 de beirarrúas con formigón pulido, incluso mallazo, fratasado e pulido mecánico, curado con tratamento antipó e serrado de xuntas.
-Canalización de 2.344 metros de tubería de PVC para saneamento e recollida de pluviais cos seus correpondentes pozos de rexistro e sumidoiros.
-Canalización de 2.611 metros de tubería de PVC e Polietileno para abastecemento de auga potable.
-Construcción de peches con malla de arame galvanizado de 2 metros de altura, montado sobre postes de formigón, previa cimentación.
CANALIZACIÓN DE LÍÑEAS.-
Instalación de rede de distribución de baixa tensión, as conduccións discurrirán baixo a beirarrúa a ámbolos dous lados dá rúa, prevendo cruces de calzada para a interconexión dá rede e facilitar o tendido de cables.
As canalizacións estarán compostas de 2 ou 4 tubos de polipropileno bermello de 160 mm. de diámetro e un tubo de polipropileno verde para as comunicacións.
Obra eléctrica, tendido de cables, empalmes, pasos soterrados, retirada de postes e instalacións áéreas e a realización de acometidas ata a caixa do usuario.
A rede telefónica deberáse consensuarse cas empresas suministradoras segundo as prescripcións técnicas que lle correspondan. As canalizacións irán baixo a beirarrúa a ambolos dous lados da rúa, prevendo cruce de calzada para a interconexión dá rede e facilitar o tendido de cables. Levará conductores de PVC ou polipropileno de 110 mm. de diámetro. Derivaranse acometidas as vivendas en tubo de 80 mm.
Tódalas canalizacións deberán deixar guía de tendido de cables no seu interior. Instalaránse pedestais de formigón según normas dá compañía suministradora para aloxamentos de equipos.
Prevese a reposición do pavimento similar o existente con tratamentos asfálticos.
PRESUPOSTO.-
Ascende o Presuposto da Execución por Contrata, IVE engadido, a cantidade de CATROCENTOS VINTE E TRES MIL OITENTA E SETE EUROS (423.087 €) o que supón un aforro de un 24% sobre o valor da licitación, que inicialmente era de CINCOENTA E SEIS MIL SEISCENTOS NOVENTA E CATRO EUROS (556.694 €). Todo elo grazas a licitación pública, que conleva a maioría das veces a fortes aforros para a Administración, que dese xeito pode facer investimentos noutras obras, tamén moi necesarias, que xa están incluídas nos presupostos municipais.

10 enero 2007

UN SOÑO QUE VAI CAMIÑO DA REALIDADE.-

Onte pola mañá cando se recibe unha chamada da Concellería de Planificación de Infraestruturas, Obras Públicas e Desenvolvemento parroquial, sentíuse unha grande ledicia, pois aquel soño polo que tantos días se loitara, empezaba a ser unha realidade.
O xoves día 11 deste mes de xaneiro o equipo de medicións de OVIGA viría a facer o reformulo dá TRAVESÍA DE TARRIO. Díxosellle primeiro os veciños que de algún xeito implicáronse un pouco mais, tanto nas negociacións co Concello como polo interese que mostraron sempre polo proxecto. Despois, indo pola aldea, a comunicárllelo os veciños. Nas aldeas as cousas corren a ritmo trepidante, cando o sabe alguén xa o saben o resto en pouco tempo.
O chegar onde Xosé Luis dóuselle una aperta para dicirlle: O noso soño, e tamén de toda a aldea, os nosos traballos para conquerir que Tarrio tivese unha estrada transitable, con auga, alumeado e demáis servizos, vaise executar.
X. L. C. estivera nas negociacións do primeiro proxecto, falou cos veciños, conseguiu as sinaturas de cesión dos terreos -por certo ao ser sinaturas colectivas a Deputación considerounas sen validez, por iso houbo que facer novas sinaturas individuais-. Chegouse a formular, pola corporación anterior, o anteproxecto que logo tivo problemas polas cesión de alghúns veciños que se opuñeron o progreso pois non quixeron facer a cesión dos poucos metros necesarios para a ampliación. Ía facerse a expropiación, eso dixo o anterior alcalde, mais as eleccións municipais paralizaron o proceso.
Cando tomou posesión a nova corporación municipal formulóuselle ao Alcalde a posibilidade de executar aquel proxecto que ía quedar esquecido. Prometeu que o faría e que incluso ampliaría a estrada no último tramo para poder enlazar coa estrada que vai dende Tarrio a Firminstans, cun investimento de 556.694,53 €, superior ao dobre do anterior proxecto. O orzamento de 507.610 € achegados pola Deputación Provincial e unha contribución do Concello de 49.084 €. A confianza foi plena no Alcalde, a Carlos A. Fernández coñecémolo fai moitos anos e sabemos da súa xestión, capacidade de traballo e que as súas promesas Sociais execútaas. Era problema de tempo. Certo é que a espera foi moita e moitas veces tensa.
Para que aquelas negociacións non fosen algo persoal decidín propoñerlles os veciños facer unha Asociación de Veciños e dende logo aceptaron. Dese xeito naceu a "Asociación de Veciños Tras do Río". Dende a plataforma da asociación todo sería mais fácil, pois dese xeito sempre habería un interlocutor revestido de oficialidade e non as negocicións personais que moitas veces levabámos X. Luis e eu.
Neste verán pasado do ano 2006 asinaron as cesións dos terreos a maioría dos veciños. Acompañámolos as sinaturas ao Concello, indo moitas veces buscar os propietarios que xa non estaban vivindo na aldea a outras aldeas. O propio Alcalde informounos que negociaría personalmente con dous veciños que eran mais reticentes á cesión. Ao non haber inicialmente acordo con eles vaise seguir o proceso de expropiación previa valoración da Xunta Provincial de Expropiacións.
Mañán estarán as máquinas traballando na Travesía de Tarrio, esperamos con ledicia que así sexa, colaboraremos dende esta Asociación de Veciños con eles, -empresa Oviga e Concello- en todos os problemas que poidan xurdir e darémoslles a axuda que estea nos nosos medios.
Dende esta plataforma reiterámoslle ao goberno de coalición, unha vez mais, a gran colaboración do actual Concello. Dende os poucos días dá toma de posesión do novo goberno, despois de facerlle unha petición ó concelleiro de Cultura e Deportes, foi arranxado o alame da pista polideportiva. Limpóuse o redor tódalas silvas e demáis maleza, fai unhos días rematouse o repintado da cancha para a práctica de tenis, baloncesto e balonmano, seguendo as normas de seguridade de deportes, arranxáronse as canastas de baloncesto e balonmano. Temos o Local Social case finalizado, todo elo grazas á colaboración económica do Concello. Neste caso o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Cultura e Deportes: Xosé M.l Fernández, sempre apoiou a iniciativa da A.V., e dende logo grazas ao esforzo dos veciños poñendo a man de obra cada sábado e moitas veces tamén algún domingo para executar a estructura do local. Por certo temos que darlle as grazas polo taboeiro que nos cedeu para ó centro Social e dese xeito dar a coñecer a tódolos veciños as accións levadas a cabo pola Asociación de Veciños.
Hoxe é día 11 de xaneiro do ano 2007 as máquinas xa traballan na aldea. O difícil e o comezo. Agora si que vai adiante a nosa ilusión e dende logo a necesidade dunha estrada transitable para acceso a aldea, alumeado público e canalizacións de sumidoiros e auga potable.
Parabéns a todos os implicados.

10 diciembre 2006

Carretera.-

Empresa adxudicataria da carretera: OBRAS Y VIALES DE GALICIA, SL (OVIGA,SL). Data de comenzo (según o alcalde) nos próximos días seguintes á festa de reis.

Local.-

O Concello fixo unha segunda achega o 8/11/2006 por importe de 3.183,50 euros para ir facendo os pagos relativos ó material de construcción, madeira e material eléctrico. O seguinte paso é revestir cando o tempo o permita.

Autobús.-

Segundo o Concello, o transporte público está supeditado ó remate das obras da carretera.

Conexión a internet.-

Telefónica está aceptando altas de ADSL na aldea ainda que a conexión vai moi lenta.

Próxima reunión de veciños da aldea.-

Martes 12 ás oito e media da tarde.

18 septiembre 2006



LUZ VERDE A TRAVESÍA DE TARRIO

A nosa aldea de Tarrío terá travesía na primeira metade do ano 2007. O día 15 de setembro do ano 2006 o Diario Oficial de Galicia e máis o Boletín Oficial da Provincia publicaron a apertura do prazo para presentar ofertas de cara a executar as obras de construción da Travesía de Tarrío, en Bugallido. É algo menos dun quilómetro de percorrido no que se van soterrar canalizacións, preparar beirarrúas e substituir o firme por un importe superior ao medio millón de euros.
A obra incluiuse dentro da anualidade 2005 do plan de investimentos locais da Deputación da Coruña. Atendendo aos prazos que marcan os pregos do concurso, a travesía estará lista no primeiro semestre do ano que vén. O Plan de Infraestruturas Locais (P.I.L.), deseñado polo Deputación provincial só subvenciona infraestruturas naqueles concellos cunha poboación inferior aos 50.000 habitantes. Neste sentido, a Ames concedéronselle axudas por un importe de 500.000 euros. A corporación actual gobernada polo PSOE e o BNG tendo como presidente o alcalde Carlos Fernández Castro aprobou a finais do ano pasado incluír nesta convocatoria extraordinaria de subvencións tres obras por valor de 636.000 euros. A primeira delas é a da construción da travesía de Tarrío, na parroquia de Bugallido. Neste lugar farase un novo vial máis ancho e dotado de beirarrúas. De feito, a travesía terá oito metros de ancho e uns 700 de longo. Porén, non só se cambiará o pavimento e se construirán beirarrúas, senón que tamén se aproveitará a obra para soterrar o tendido do alumeado público e telefónico, a auga e o saneamento, ademais de deixar canalizacións con guías por se cómpre empregalas no futuro para pasar por elas novas liñas de comunicación. A dita travesía permitirá conectar a aldea de Tarrio co resto da rede de estradas do Concello de Ames

O vial está orzamentado en 556.694,53 €. Despois de reiteradas peticións dos veciños polo abandono da nosa aldea, xa houbo unhas promesas na lexislatura anterior que, despois de moitas e boas verbas do anterior alcalde, non chegaron a executarse. Os actuais gobernantes cumpriron coa nosa aldea de Tarrio. Agora esperamos se cumpran as promesas da Dirección Xeral de Transportes e do mesmo Concello e fagan que a empresa concesionaria de transporte público dé servizo de autobús á aldea. É unha loita na que levan os veciños, e algún veciño mais en concreto, mais de cinco anos. Esperamos que a actual corporación municipal e actual Consellería da Xunta cumpran as promesas que deron a vecindade. Sabemos do interese do Concello por manter o equilibrio territorial entre as parroquias do municipio, o cal é de agradecer aos nosos gobernantes. A corporación municipal tamén está a facer esforzos para levar adiante os traballos relacionados co abastecemento de auga e a estensión da rede de saneamento con cargo ao POS, mentres que o PIL sufragará obras do mesmo tipo en Biduído e Bugallido así como a travesía para Tarrío.

As empresas que estean interesadas en levar adiante os traballos da Travesía de TARRIO, terán que achegar as súas propostas no Concello antes do 11 de outubro ás dúas da tarde.
Unha vez que a mesa de contratación resolva a adxudicación, a empresa que se faga co concurso terá seis meses de prazo para executar o encargo. Ese é o máximo establecido nos pregos, un tempo que seguramente se verá reducido de forma importante nas propostas que achegue cada empresa. Este feito fai supoñer que a Travesía estea rematada aló polo mes de abril de 2007.
Os interesados en coñecer o prego de clásulas administrativas nas que constan as bases do arranxamento poden coñecelas na páxina web do Concello ou a traverso do seguinte enlace:
http://www.concellodeames.org/imxd/noticias/doc/1158315416prego_tarrio.pdf

Dende a Asociación de Veciños "Tras do Rio" damos os parabéns a todos os veciños e tamén as grazas a Corporación municipal presidida polo Alcalde Carlos Fernández polas atencións que sempre tivo con esta Asociación de Veciños.

06 agosto 2006



INCENDIO NA ALDEA DE TARRIO.-


Onte día 4 de agosto do 2006 o redor das 15 horas, producíuse un incendio na nosa aldea de Tarrio que obrigou a Consellería de Medio Rural a activar o nivel 1 de alerta. Supón a máxima categoría de risco, debido a proximidade das lapas os nosos fogares. A desolación e a impotencia era manifesta entre os veciños da aldea.

Persoal da Brigada contra-incendios, camión cisterna. Enriba o pavoroso incendio.

Traballaron na extinción, tres brigadas, tres motobombas, dous hidroavións e dous helicópteros. O fume ocasionado polo incendio obrigou o desaloxo preventivo dalgúns fogares. É o segundo incendio en Galicia, dende o comenzo da campaña o día 1 de xullo, no que se decretou o NIVEL 1. ¡¡Triste estatística para unha aldea na que a fermosura da paisaxe era evidente ata onte!!.

A Consellería do Medio Rural non ten dúbidas de que o incendio da nosa aldea de Tarrio foi intencionado. A responsabilidade e colaboración cidadán para a loita contra o lume ten que denunciar os incendiarios, hai que romper a ley do silencio e si alguén coñece algún indicio debe comunicálo as autoridades có fin de acabar cos terroristas ecolóxicos. O monte, ademáis de productor de materias primas renovables, aporta estabilidade ós ecosistemas, equilibrio ecolóxico evitando a destrucción do medio ambiente, xera actividade de lecer e mellora a calidade de vida. O beneficiado non é soamente o propietario do monte senón toda a poboación.

Helicópteros na aldea de Tarrio. As lapas devorando o noso ecosistema

A falla de responsabilidade duns criminais, que deberían ir a cadea polos delitos ecolóxicos, está a provocar na nosa terra a desertización e favorecendo o efecto invernadoiro. Unha praga que atenta contra unha das riquezas máis sólidas de Galicia e polo tanto contra a calidade de vida dos seus cidadáns. Decímoslles a estos antisociales que antes de prender o lume pensen nos animais: coellos, paxáros, reptiles, nas súas crías que morren polas lapas nos niños e nas covas, que escoiten os lamentos que saen das súas gorxas chamando os da súa especie que morreron queimados. Preguntámoslles que farían eles mesmos si os seus propios fillos morresen nesas lapas de lume infernal.

POSIBLES ALTERNATIVAS.-

Os dirixentes políticos teñen unha eiva fundamental que é a política centrada na eliminación do lume e esquecen a súa prevención. Semella que a Administración entende que os incendios forestais son un mal bíblico, algo que ten que vir como veñen as chuvias e as xiadas no inverno, polo que adoptan unha postura fatalista na problemática dos incendios forestais. Ise erro, ano tras ano, está deixando a nosa terra nunha problemática ou situación que sería convinte analizar seriamente entre os técnicos cualificados, concellos, comunidades de montes, e as asociacións veciñais. Nesta cuestión existe unha tremenda descoordinación entre tódalas entidades que poden formar equipos de loita contra o lume. Quizáis deberíase evaluar a posibilidade de crear os servicios de proximidade. No incendio dos montes da aldea de Tarrio, os veciños chamarón os poucos minutos do comenzo das lapas, advirtíuse da necesidade de atalla-lo lume antes de chegar a toxeira do noroeste da aldea, pois logo sería imposible. A descoordinación facilitou que o lume se espallase co perigo que supuxo pos veciños e para o persoal das brigadas contra-incendio. Por certo, temos que felicitar e expresarlles a nosa sinceira gratitude a estos esforzados loitadores, que moitas veces co risco da súa propia vida, lograron atallar o lume nos mesmos límites das vivendas. Tamén debemos facer patente, dende esta ventá aberta a sociedade, que alghúns veciños dende fai anos presentron varias denuncias de escombreiras nas zonas limítrofes a aldea no concello e ós guardas forestais de Medio ambiente da Xunta de Galicia. Non se prestou a debida atención e agora pedímoslles que pensen e valoren a sua ineficacia.

O desenrolo de traballos subvencionados é un método preventivo contra o lume coma un ordenamento axeitado, rozas, podas, crareos, -que por certo non se esixe a retirada da broza, o que provoca o seu abandono no monte, facilitando a laboura dos incendiarios-, repoboado con especies autóctonas que teñen ademáis un gran valor forestal, alternativa ante a creba do sistema agrario tradicional e a minusvaloración social do campo, etc.

Levamos anos facéndonos preguntas sobre quen e por que se queima o monte. A existencia de intereses especulativos, venganzas de todo tipo: laborais e tamén veciñais, nos que nunca se afondou na súa investigación policial nin persecución xudicial, camiña de boca en boca polos campos e corredoiras. Preséntanse os incendios como froito da acción de tolos ou labregos pouco escrupulosos, cando os verdadeiros provocadores e beneficiarios do lume seguen sen desenmascarar. Hai que significar tamén, como parte do problema, que na aldea de Tarrio e aldeas limítrofes levamos mais de 15 anos cá concentración dos montes e ó día de hoxe inda non deron os títulos de propiedade, dese xeito: ¿cál é a propiedade de cada veciño para poder limpa-la?.

Só nos queda unha utópica esperanza, que os culpabeis, os terroristas do fogo, vaian a cadea e que nunca mais prenda o lume nos nosos montes. Si queremos que a utopía sexa realidade pedimos a colaboración de tódolos veciños.

17 junio 2006

SARDIÑADA POPULAR NA ALDEA DE TARRIO










Día 16 de xuño,venres.

Hoxe celebramos o encontro gastronómico da sardiñada anual de San Xoan coa presencia de máis de 135 veciños e amigos. Adiantamonos un pouco a data, pois inda que esta festa popular e familiar galega, na que se asan as sardiñas, faise a noite de San Xoan, moitos veciños non estarían na aldea ese día, e logo tamén está o custo da tan codiciada sardiña que ese día é moi cara. A cousa foi ben, estivemos tódolos veciños. Foi a sardiñada das novas xeracións. Neste ano naceron algunhos nenos e nenas na aldea e cas novas incorporacións a familia de Tarrio foi unha ledicia compartir esta noite de cacharela, sardiñada, churrasco, chourizos, bo viño, por certo un pouco escaso dada a concurrencia, queimada co conxuro que puxo ese motivo ancestral e máxico das noites galegas para marear aos malos espíritus, bombas de palenque para a ledicia dos maiores, xoves e nenos, non así para os cans da aldea os que non lles gostan nadiña as bombas, e coma final de festa combinados de todo tipo, fixemos o botellón na aldea, dende logo deixando todo moi limpo, cancións populares que contribuíron a facer da tarde-noite ata altas horas da madrugada, unha xornada de especial convivencia.

21 abril 2006



IMOS INDO ADIANTE

Nunca mellor podía ser aquelo de "imos indo". Xa temos unha saída da aldea que nos fai aforrar 300 metros a tódolos veciños. Asfaltaron a estrada que é a saída natural dos veciños indo para o Milladoiro e Santiago. Certo é que foi unha promesa que nos tiña feito os veciños a empresa que executou as obras da doble vía mal chamada de alta velocidade do ferrocarril. Os nosos políticos son moi dados a "altas velocidades" "vías rápidas" e logo pasa o que pasa que vai acelerando, dese xeito e pola inconsciencia, a velocidade da vida dos cidadans. Mais deixemos este tema que é moi fúnebre e volvamos a tranquila aldea. A saída da acceso a ponte que atravesa a vía férrea na zona norte da aldea de Tarrio. Agora esperamos que o Concello faga a estrada que tantas veces prometeu e que xa está presupostada, dese xeito faría o enlace ca anterior e a aldea quedaría un pouco mais comunicada. Facilitaría por outra parte a mellor movilidade do autobús, tamén tantas veces prometido, pola parte sur da aldea, dando servizo de transporte público os veciños.
A vista das imáxenes e circulando por esta estrada ¡¡¡o fin!!! os veciños sentimos a ledicia de ter polo menos 400 metros de estrada na aldea que non ten baches. Toda unha novidade na nosa aldea, xa perdimos o recordo si algunha vez existiu. Dámoslles as gracias a empresa que cumpriu as promesas e si o concello influíu un pouco, pois tamén dende esta Asociación de Veciños felicitámolos un pouco o resto da felicitación deixarémola para cando esté acadada a obra á que eles chaman a travesía de Tarrio

20 abril 2006

AXUDAS PARA PROGRAMAS DE ASOCIACIÓNS VECIÑAIS
Con data 2 de marzo e rexistro de Saída nº 1744, o concello de Ames fai notificación a esta Asociación de Veciños TRAS DO RIO do seguinte acordo:
"PUNTO DECIMO OITAVO.- CONCESIÓN DE AXUDAS PARA PROGRAMAS DE COMISIÓNS VECIÑAIS PARA INVERSIÓNS QUE SE REALICEN NO ANO 2005"
Primeiro.- Conceder con cargo a convocatoria publicada no BOP nº 246 do 27 de outubro de 2005 de axudas para programas de inversións que se realicen no ano 2005. A subvención concedida a Asociación de Veciños TRAS DO RIO foi por un importe de 12.000 € (doce mil Euros). Se queres coñecer mais, podes ir ás páxinas do BOP a traverso do enlace:
Ata esta data inda non recibimos nesta Asociación de veciños a dita subvención, seguiremos esperando, ca paciencia que nos caracteriza os veciños de Tarrio, a que se nos ingrese a partida de cartos (neste caso euros) co fin de poder finalizar o adececentamento do Local Social. Dende logo si o retrasan moito hai que pensar que o feismo do noso Local que está sin revestir non é un bo exemplo para tódolos veciños e mais agora que a Xunta vai dar subvencións a tódolos que no seu día deixaron as suas casas en estado precario exterior contribuindo ó feismo da nosa terra.
Tampouco se cumpren as promesas que nos dixo a Dirección Xeral de Transportes en canto ó transporte público da aldea. Temos a esperanza que cos calores do verán tamén eles se quenten un pouco, fáganlles madurar as promesas e teñamos servizo de autobús. Levamos nesta loita a friolera de cinco anos, ¡¡¡¡CINCO ANOS que son mais ou menos 1.830 DÍAS!!!!. ¡¡¡Dende logo, calquera pode dedúcir, que os veciños de Tarrio temos moita paciencia!!!

14 enero 2006

REUNIÓN DOS REPRESENTANTES da A. V. Tras do Río co alcalde do Concello de Ames o día 13 de xaneiro de 2006
Varios representantes do lugar de Tarrío mantiveron unha reunión co rexedor municipal para falaren de varios aspectos tocante aos investimentos municipais para a aldea, tradicionalmente esquecida nos repartos de fondos públicos. Primeiramente, o alcalde informou do Plan de Investimentos Locais que lle afecta a Tarrío, onde se inclúe un investimento en obras e servizos cun orzamento de 507.610 € achegados pola Deputación Provincial e unha contribución do Concello de 49.083 €, o que dá un total de 556.693 € destinados a executar o proxecto técnico da obra denominada Travesía de Tarrío, da que se espera a súa rápida execución.
En segundo lugar, o presidente da corporación municipal ofreceu datos sobre a situación actual das negociacións coa empresa Autobuses de Calo co fin de poñer en funcionamento o tan necesario servizo público de autobús para o núcleo. Esta demanda, que tamén implica á Xunta de Galicia por ser competente na materia, motivou diversas concentracións e propostas do colectivo veciñal, co silencio como única resposta oficial ata agora. Varios representantes das Administracións e da empresa concesionaria, convencidos da imperiosa necesidade de transporte e despois de percorrer os diversos traxectos posibles, concluíron que a ruta idónea pasa por prolongar a que remata na aldea estremeira de Raíces, atravesando a ponte que salva a vía férrea por ese lugar para chegar a Tarrío. Logo, prevese que a liña percorra a travesía deste núcleo ata abandonalo pola outra ponte viaduto que leva a Biduído de Abaixo.
Os veciños consideran que estes dous proxectos, ampliación da travesía e servizo de autobús, son de absoluta urxencia para acompasar o desenvolvemento de Tarrío ao dos demais núcleos habitados limítrofes do mesmo concello, que non padecen as eivas derivadas dunhas carencias estruturais tan básicas como de obrigada solución co fin de acadar unha mellora da calidade de vida das aldeas periurbanas da nosa xeografía.

12 enero 2006




As funcións sociais básicas do municipio teñen que ser: a) provisión de bens e servizos públicos locais con incidencia directa na calidade de vida cidadá; b) ordenar a convivencia no territorio a través do urbanismo, así como establecer pautas racionais para a defensa e protección do medio ambiente; c) impulsar e desenvolver programacións estratéxicas que axuden ao crecemento económico e ao emprego, fortalecendo a súa vez a colaboración institucional; d) levar a cabo actividades permanentes de educación política democrática.
Para facilitar o desenvolvemento destas funcións, os veciños do lugar de Tarrío, que en 2005 comezaron a construción dun centro social, solicitaron do Concello de Ames unha axuda económica en forma de subvención para os materiais -o mais custoso é o traballo e póñeno os asociados-, co fin de rematar as obras do citado local, e dese xeito fomentar a mellora da calidade de vida na aldea. O fin desta obra é posuír un centro de reunión, punto de encontro para favorecer o asociacionismo no núcleo, onde se poidan expoñer as diversas opinións e inquedanzas, gardar o equipamento deportivo e desenvolver outras actividades contempladas nos estatutos da Asociación de Veciños Tras do Río. Por estes motivos, o financiamento municipal é un asunto determinante, dado que a asociación non ten ánimo de lucro e carece de fondos propios, máis alá dos que achegan os propios socios en concepto de cotas e donativos.

31 diciembre 2005








Feliz ano 2006 para tódolos veciños da aldea de Tarrio.

Dende esta ventá desexamos que os proiectos nos que depositamos as nosas ilusións sexan executados no próximo ano 2006.

22 noviembre 2005


TRES XERACIÓNS E UN PROXECTO COMÚN


Isto vai para adiante. Ninguén cría que o local social, a futura casa do pobo, centro de reunión da Asociación Tras do Río e do resto dos veciños, se consolidaría. Cos esforzos da colectividade, cadaquén segundo as súas posibilidades, a obra vai indo para arriba. Pasado o tempo, poida que o sacrificio prolongado dos esforzados obre o milagre: que desde este centro se potencie a cooperación e sexa o centro de reunión de todos, tamén dos menos implicados no proxecto. Para os veciños, a importancia desta construción vai máis alá do futuro edificio proxectado, xa que redunda sobre todo en fomento da solidariedade e da cooperación entre os de Tarrío: quen pode quedar parado ante unha colectividade compartindo inquietudes e compromisos, unindo e concentrando esforzos, ilusións e alegrías? Como se pode ver nas fotos, ata as xeracións máis novas amosan espírito cooperativista, axudando os 'avós' a facer masa. Todo un exemplo de iniciativa solidaria, fronte á falta de iniciativa de determinadas administracións públicas, que miran para outro lado ante iniciativas coma esta.

16 noviembre 2005



EXPEDIENTE DE TRANSPORTE PÚBLICO PARA TARRÍO

Concello de Ames:


8 de outubro de 2001, núm. de rexistro de entrada 4531/1: escrito, acompañado de 81 sinaturas, dos veciños de Tarrío no que se solicita transporte público para a aldea.

24 de outubro de 2001: reunión dos veciños de Tarrío co alcalde de Ames e escrito de peticións, incluído o transporte. Informe positivo da Alcaldía que vai dirixir á Dirección Xeral de Transportes.

Dirección Xeral de Transportes:

30 de novembro de 2001: escrito dos veciños de Tarrío no que se solicita transporte público, acompañado da documentación presentada no Concello.

Concello de Ames:

26 de novembro de 2001, núm. de rexistro de saída 5392: escrito do Concello aos veciños no que notifica o envío do escrito co informe favorable do Concello á Dirección Xeral de Transportes.

28 de novembro de 2001, núm. de rexistro de saída 5385: escrito do Concello á Dirección Xeral de Transportes co informe favorable anterior, no que tamén se xunta escrito da empresa Hedegasa S. L. (descoñécese o seu contido).

Dirección Xeral de Transportes:

14 de xullo de 2003, núm. de rexistro de entrada 7502: escrito dos veciños de Tarrío no que se lle lembra á Dirección Xeral que non contestou nin solucionou o problema do transporte público a Tarrío.

4 de xuño de 2004: escrito da A. V. Tras do Río ao conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no que se manifesta a inoperancia da Dirección Xeral por non contestar aos escritos presentados e no que se solicita transporte público para a aldea de Tarrío.

9 de novembro de 2004: escrito da A. V. Tras do Río recordatorio de toda a documentación presentada no que se solicita transporte público para a aldea de Tarrío.

Concello de Ames:

17 de novembro de 2004, núm. de rexistro de saída 9620: escrito do Concello de Ames á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, co informe favorable do Concello, salientando o estacionamento perigoso actual do autobús e lembrándolle a esa Dirección Xeral as peticións dos veciños acerca do transporte público para a aldea de Tarrío.

Subdirección Xeral de Transportes:

22 de novembro de 2004, núm. de rexistro de saída 35626: escrito da Subdirección de Ordenación do Transporte á A. V. Tras do Río no que se solicita concreción da demanda potencial de usuarios, abonos mensuais estimados e outros extremos de imposible cumprimento.
7 de decembro de 2004: contestación da A. V. Tras do Río ao escrito anterior coa concreción que solicitaba á Subdirección Xeral. Este escrito non tivo resposta da Xunta.
22 de outubro de 2005: escrito da A. V Tras do Río ao director xeral de Transportes, acompañado de toda a documentación presentada ata ese momento en todas as administracións, coa pretensión de que se consideren as carencias da aldea no tocante á ausencia de transporte público.
28 de outubro de 2005: reunión da A. V. Tras do Río co subdirector xeral de Ordenación do Transporte, para coñecer os trámites realizados por esta unidade administrativa para solucionar o problema do transporte para na aldea de Tarrío. O subdirector comprometeuse a dar unha solución por escrito ás demandas dos veciños antes do 15 de novembro, cousa que non cumpriu.
2 de novembro de 2005: escritos á conselleira de Política Territorial e Obras Públicas e mais ao director xeral de Transportes da mesma consellería nos que se solicita que axilicen todo o posible as xestións para que a empresa concesionaria do transporte público a Firmistáns prolongue a súa derradeira parada e dea servizo público aTarrío.
15 de novembro de 2005: conversa telefónica con membros da Dirección Xeral de Transportes na que se anuncia que o día 17 de novembro se celebrará unha reunión entre o director xeral e o alcalde de Ames para tratar de solucionar as demandas de transporte público para Tarrío. Nesta mesma data presentouse no concello, para o seu coñecemento, o expediente da A. V. Tras do Río con todos os trámites realizados sobre este asunto.
24 de novembro de 2005: TARRÍO CONTINÚA SEN TRANSPORTE PÚBLICO.

13 noviembre 2005



O CAMIÑO XA NON É TAN LONGO

Onte, sábado, os veciños botaron os fundamentos e ergueron as primeiras catro columnas do que vai ser a futura Casa do Pobo. É unha manifestación popular, un importante evento para a aldea de Tarrío, mais, sobre todo, xorde como consecuencia dun gran esforzo colectivo, como resultado dunha decisión da propia comunidade, na que están implicadas dun ou doutro xeito todas as familias desta pequena poboación de Amaía. Distribuídos en comisións de traballo por especialidades, os veciños planifican, proxectan -coa supervisión dos técnicos do Concello de Ames-, buscan fondos e xestionan os recursos existentes. Ademais, seguen pautas similares ás dun proxecto de acción comunitaria que ten, entre os seus obxectivos de fondo, a participación integradora dos
lugareiros, "potenciando a imaxinación e a creatividade, os valores contrarios ao individualismo e ao consumismo, creando nexos, memoria histórica e evitando o desarraigamento dos veciños". Esta forza social xorde para dar resposta ás necesidades concretas dunha poboación e coa vontade decidida de dipor, no menor tempo posible, dun local para as xuntanzas que tamén poida servir de vestiario deportivo, tanto da Asociación de Veciños Tras do Río como de todos os habitantes que se queiran servir del. Vendo as fotos dos conveciños traballando con ilusión nesta última obra, non queda dúbida de que con ela se lle está a dar un forte pulo á acción colectiva a través dos cada vez máis xenerosos esforzos individuais. Para facer os alicerces do local social o noso Concello investiu 1.300 € no formigón, que fai, dese xeito, mais levadeiro o proxecto. (Clic para agrandar as fotos)

05 noviembre 2005





IMOS CAMIÑO DO LOCAL SOCIAL

O asociacionismo veciñal, cunha significativa diversidade interna, nace na década de 1970 enmarcado nos talantes comunitaristas, apostando pola difusión da cultura participativa na base social, e institucionalista, propoñendo a democracia participativa na aldea. Fomúlanse alternativas, tales como a reivindicación da mellora do transporte público, o transporte escolar e o arranxo das estradas de acceso ás aldeas. As asociacións veciñais son elementos de cohesión e de creación de identidade nos ámbitos territoriais, con capacidade para promover e integrar iniciativas sociais e espazos de participación democrática. Contribúen tamén a facilitar a coordinación e integración das persoas e colectivos nas entidades e nas parroquias.

A A. V. de Tarrío, integrada por todos os veciños deste núcleo, participa desta filosofía e caracterízase pola gran mobilización dos seus integrantes e pola contribución deinteresada destes nos diferentes proxectos que se propoñen, como, arestora, erguer un local social, que se está a facer grazas á extraordinaria resposta social. Cada sábado, os veciños xúntanse a colaborar na construción da que vai ser a futura casa do pobo. Para a mellor xestión os intereses da aldea e mais para a canalización das múltiples demandas en curso, é prioritaria a existencia dun espazo común onde se poidan realizar as frecuentes xuntanzas, e que tamén sirva de centro receptor de actividades socioculturais, formativas e deportivas.

A historia deste proxecto nace o 14 de marzo do ano 2005, cunha solicitude de subvención á Xunta de Galicia para construír o local social que arestora está e marcha sobre uns terreos do concello. Concedeuse unha axuda de 2.000 €, para un orzamento total estimado en 24.000 €, que non dá nin para a compra dos materiais da cimentación. En consecuencia, foi preciso contar coa man de obra gratuíta dos veciños voluntarios (moitos deles especialistas en albanelería, cantería e outras especialidades) e utilizar diversos recursos que nos permitisen, mediante doazóns, compras a baixo prezo ou recorendo a pagamentos aprazados, darlle forma a unha idea que, ademais, foi proxectada en varias fases para que non se convertese nun soño inalcanzable. Deste xeito, xa se pode desfrutar da sombra do futuro local levantado con dez veces menos fondos do que sería preceptivo a prezos de mercado, nomeadamente grazas á vontade colectiva.


A foto anexa, colocando os fundamentos do futuro centro social, simbolizan a forza dunha pequena colectividade unida que vai acadando uns logros que serían inalcanzables de xeito individual. Esta é a actitude normal en Tarrío que, pouco e pouco, van coñecendo os que nos reciben en despachos con moqueta. Os veciños agrupados están a funcionar mediante unha democracia directa da maior calidade, baseada na participación cidadá, na procura do interese xeral para conseguir un incremento dos dereitos dos conveciños, como os dereitos ao benestar, á calidade de vida, a vivir en paz, a gozar de servizos públicos eficientes e de calidade, á protección do medio ambiente e a dispor dun sistema de organización colectiva que favoreza a igualdade e a cohesión social.
(Clic para agrandar as fotos)

01 octubre 2005


TARRÍO, A NOSA ALDEA


Tarrío é unha aldea do concello de Ames, preto de Santiago de Compostela, distante uns sete quilómetros da capital de Galicia. É un asentamento poboacional nun val de gran fermosura. A 200 metros da aldea -ironías do destino- pasa a liña férrea de alta velocidade, pero, como dixo un cronista de opinión hai pouco tempo: "... a estética urbanícola- electoralmente prometedora- vese deslucida se segue consentindo que os veciños de Tarrío camiñen quilómetro vai e quilómetro vén, coma nunha estampa máis propia dunha desas tribos centroafricanas que dunha Galicia moderna, que parece estar situada de cheo no s. XX". Tarrío é un topónimo formado sobre 'Tras do Río'. Por que Tras do Río? No século XIX a aldea pertencía á parroquia de Biduído, pero como unha gran inundación formou un lago sobre a braña que une ambos núcleos, os fregueses acordaron integrarse na veciña parroquia de Bugallido, separada de Tarrío por un monte. Esta tradicional dependencia de ida e volta chega ata os nosos días convertendo a aldea nunha terra de ninguén, tanto fisicamente como no tocante ao desinterese amosado polas institucións. A escaseza de investimentos fai que as estradas sexan corredoiras, carécese de auga de traída para o consumo doméstico, a rede de sumidoiros é parcial, a luz pública pouca e mala, o transporte público non chega, etc.
Mais TARRÍO EXISTE e conta con xente boa e xenerosa que, unida, fomenta excelentes iniciativas de promoción veciñal, reunindo coa mesma ilusión as novas xeracións e os veteranos autóctonos a través da asociación de veciños Tras do Río.
Se queres coñecer máis datos sobre o noso concello, podes acceder á páxina: http://www.concellodeames.org/.
Tamén podes coñecer o tempo da túa aldea e arredores. Se vas viaxar, podes empregar as ligazóns que seguintes, mediante as que accederás ao tempo en calquera parte do mundo:

14 noviembre 2004





TARRÍO NON TEN TRANSPORTE PÚBLICO
Dende hai tempo, os veciños de Tarrío vímoslles pedindo ás distintas administracións o que dende elas se debería defender de seu: servizo de transporte público para a nosa aldea. A cousa tenvos o seu aquel, pois haivos un autobús que remata ruta a escasos mil cincocentos metros do núcleo, onde fai tempo cada hora ata a seguinte saída nun cruzamento moi perigoso, nomeadamente para os condutores que saen de Tarrío, xa que lles tapa totalmente a visibilidade na saída. Que non pase nada!, pois o riso é moi alto. Todos os residentes contamos co apoio do Concello, con boas palabras da Xunta de Galicia e mais co soporte da prensa e do resto dos cidadáns limítrofes, pero a pesar de todos os "esforzos", continuamos incomunicados no tocante ao transporte, ao que tamén contribúen as estradas da aldea, que están nun estato intransitable. Xa se fixeron varios proxectos de mellora das vías da localidade -agora parece que quere ir o definitivo-, pero ata hoxe só temos P-R-O-X-E-C-T-O-S, como se pode comprobar a través das fotos adxuntas. Quen sabe, poida que un día teñamos as vías noviñas do trinque só para que pasen os de fóra e o transporte público siga agardando ás portas da aldea coa desculpa de que non lle é rendible ampliar a ruta.
Non obstante, que ninguén esqueza que Tarrío EXISTE e conta con xente, que mesmo ignorada polas administracións, está viva e desfruta cada día. Nacen meniños, cousa xa difícil na nosa terra, axudando a que o concello de Ames sexa presente coa maior taxa de natalidade de Galicia. Facemos festas, magostos, sardiñadas e a diario xente doutras aldeas veciñas pasea e desfruta connosco e coas nosas verdes brañas, tan relaxantes como se pode ver nas instantáneas adxuntas.
O 4 de decembro do ano 2003 marca un fito na nosa veciñanza, porque ese día redactouse a acta fundacional da nosa asociación e no mes de marzo do ano 2004 quedou inscrita como Asociación de Veciños TRAS DO RÍO no rexistro provincial de asociacións desta Comunidade Autónoma. Este trámite ratificaba, primeiro o noso espírito asociacionista, logo convertía a asociacion nun órgano de comunicación para facilitar e unificar as relacións dos veciños da aldea coas distintas administracións, e agora, mesmo para chegar a esta ventá e que ti, lector, saibas que existimos, que TARRÍO EXISTE. Ben seguro que non te resistirás moito en vir facernos unha visita. Non si?